Monday 06 de May de 2024

Feijóo anuncia a creación dos dous primeiros bancos de leite materno de Galicia, que se situarán en Santiago e en Vigo


Ambos os dous se porán en marcha durante o primeiro trimestre deste ano

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Servizo Galego de Saúde creará os dous primeiros bancos de leite materno de Galicia, que estarán situados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Ambos os dous se porán en marcha durante o primeiro trimestre deste ano.

“Estes bancos estarán guiados polos valores de altruísmo, equidade e calidade”, sinalou o presidente. Tamén subliñou que a selección de mulleres doadoras de leite farase segundo criterios éticos e técnicos, para evitarlles prexuízos a elas e aos seus fillos e aos bebés receptores. O sistema de rexistro garantirá sempre a trazabilidade do leite e a confidencialidade dos datos das doadoras. A creación dos bancos contempla tamén campañas de fomento da doazón de leite.

“O leite materno é a mellor alimentación para os neonatos”, dixo Feijóo, antes de recordar que este pode previr certas doenzas e impulsar o desenvolvemento dos bebés prematuros. “Non obstante, hai casos onde non abonda o leite procedente da propia nai, ben por motivos transitorios, ben por motivos definitivos”. Para este tipo de circunstancias, “un banco de leite materno é solución máis adecuada para asegurar que eses bebés reciban a mellor das alimentacións”.

Estímase que se beneficiarán dos bancos uns 200 lactantes ao ano, especialmente bebés prematuros (nados tras menos de 32 semanas de xestación), que pesan menos de 1,500 kg ou padecen algún tipo de doenza, como pode ser o síndrome de Malabsorción, cardiopatías conxénitas, fallos no metabolismo, inmunodeficiencias ou alerxia ás proteínas do leite de vaca. O leite materno tamén está especialmente recomendado para bebés que tivesen que someterse a unha operación cirúrxica, un transplante de órganos ou algún tipo de terapia inmunosupresora.

Investimento
Vanse investir 180.000 € na creación dos dous bancos de leite. Este importe estará destinado a adaptar o espazo físico e a infraestrutura para a recollida, a dotar os bancos do equipamento tecnolóxico que requiren —como a cabina de fluxo laminar, os conxeladores, o frigorífico, neveiras portátiles, dispositivos para poñer o leite ao baño maría, lavalouzas, analizadores de leite, sacaleites ou os frascos de almacenamento—, a contratación e formación do persoal e o sistema de rexistro.

O funcionamento de cada un dos bancos será posible grazas a dous técnicos, un enfermeiro a tempo completo e un neonatólogo a tempo parcial. O xefe do Goberno galego sinalou tamén que a creación destes bancos supón unha optimización do gasto sanitario, pois “por cada euro que se inviste en leite materno doado, a unidade neonatal aforraría entre 6 e 19 euros”.

O proceso que debe levarse a cabo cando unha nai quere doar será o seguinte: unha vez se comproba o cumprimento dos criterios, a nai recibe formación para extraer o leite na súa casa e conservalo de forma segura e adecuada. Sen romper a cadea de frío, transportaremos o leite conxelado en neveiras portátiles ao banco de leite.Alí compróbase que o leite está en condicións para ser procesado e almacenado para ser distribuído ao seu destino. O tempo máximo de almacenamento é de 3 meses.